Thursday 16 de May de 2024

O Instituto Escolas Proval de Nigrán representará a Galicia na Fase Nacional do Certame Esapcial Cansat


— O proxecto ‘SetiSAT’ acada o premio Mellor CanSat Galicia 2023 na fase autonómica que concluíu hoxe na Cidade da Cultura

— Os traballos foron avaliados por un xurado composto por profesionais da Xunta de Galicia e as universidades da Coruña e Vigo tras recrear as fases dun proxecto espacial real no Aeródromo de Rozas

O instituto Escolas Proval de Nigrán representará a Galicia na fase nacional de CanSat, a competición promovida pola Axencia Espacial Europea que reta a alumnado de Secundaria a realizar unha unha simulación dun satélite desde a súa concepción ata o lanzamento ao espazo e posterior recollida de datos.

Así, o proxecto SetiSAT deste centro acadou o premio Mellor CanSat Galicia 2023 na entrega de premios que acolleu hoxe a Cidade da Cultura coa asistencia do secretario xeral técnico da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, Manuel Vila. Esta cita, que se leva a cabo despois de que os equipos recreasen as fases dun proxecto espacial real no Aeródromo de Rozas o pasado luns, pon o punto final á fase autonómica celebrada co apoio da Xunta de Galicia e na que se inscribiron unha trintena de equipos.

Recoñecemento a todos os equipos

Ademais do traballo do instituto Escolas Proval, o xurado composto por profesionais da Xunta de Galicia, o profesor da Universidade da Coruña Manuel F. Herrador e o profesor da Universidade de Vigo, Enrique Costa Montenegro, tamén recoñeceron os nove proxectos que conseguiron chegar á fase de lanzamento tras entregar o informe crítico de deseño. Así, completan a lista de premiados os institutos de Breamo (Pontedeume) e Eduardo Pondal (Ponteceso) e os colexios Las Acacias-Montecastelo (Vigo) e Compañía de María da Coruña.

Un CanSat é unha simulación satélite integrada dentro dunha lata de refrescos. O desafío para o alumnado consiste en introducir nun espazo reducido os principais elementos dun satélite real, como a alimentación eléctrica, os sensores e o sistema de comunicacións.

A continuación lánzase o CanSat a unha altura aproximada dun quilómetro e déixase caer desde unha plataforma mediante un dron, un globo cautivo, un cohete ou calquera outro método. O experimento científico consiste en lograr unha aterrizaxe sen danos e a análise dos datos durante o descenso.